Monday 29 de April de 2024

Lois Oreiro reflexiona no seu último libro sobre a nova era dixital


O Auditorio do Museo Valle-Inclán pobrense albergou na tarde deste 27 de agosto a presentación do libro Os mundos de agora, do xornalista Lois Oreiro. Trátase dun ensaio no que se reflexiona sobre a pegada tecnolóxica, o tratamento dos nosos datos e como mudaron os hábitos e frecuencia de consumo de contido dixital, poñendo tamén a vista no futuro. Segundo expuxo o propio autor, “temos a vista presa na pantalla do móbil e a presenza dixitalizada”, chegando en moitas ocasións a deixar de vivi-lo momento para retransmitilo, pois existe “a necesidade de conectividade total e completa, aínda que non haxa contido nin información.” Neste senso, fixo fincapé en que “non é o mesmo transmitir e vivir.”

O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), manifestaron que se ofrece unha perspectiva interesante sobre unha cuestión que mesmo resulta “intrigante”, algo que se pode constatar, por exemplo, na publicidade que amosan as redes sociais e que se adapta a cada persoa usuaria segundo asuntos ou produtos consultados nos buscadores da Internet. Pola súa parte, o neurocientífico Xoán Casto Rivadulla describiu o libro como “atrevido” ao igual que “moi pensado, traballado e argumentado” e valorou que “os mundos de agora son complexos, pero igual polo comportamento humano máis que pola tecnoloxía”, así como que “o algoritmo é unha representación da sociedade na que vivimos. O algoritmo non é o problema, somos nós.”